7 de jun. de 2010

Grande suceso do Festival Solidario coa Xente do Mar, celebrado en Ferrol o pasado Venres 4 de Xuño: Tod@s paramos o "Galicia Spirt" !

Exito do Festival en solidariedade cos Mariscadores
Moitas persoas foron as que se achegaron até a Praza Vella na zona do Porto de Ferrol. Celebraba-se un Festival Solidario coa Xente do Mar, organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia. O motivo era solidarizar-se cos 60 mariscadores da Ría procesados, por impedir o paso do buque gaseiro "Galicia Spirit" que se dirixía, coa súa carga de gas, á ilegal e perigosa planta de Reganosa en Mugardos, era o 7 de Maio de 2007. A xuíz considera que "os procesados poden ser imputados de delitos de desordes públicas, desobediencia grave á autoridade e coaccións graves".

Un evento excecional
Un evento excepcional, así o cualificaron moitas das persoas que se achegaron ao festival en solidariedade cos mariscadores da Ría de Ferrol. Grazas por deixar-nos participar co noso grao de area, comentaban os grupos de artistas que ao longo de toda a tarde e noite do venres, encheron de arte e solidariedade a Praza Vella do porto de Ferrol.

Agradecemento da Xente do Mar
As palabras do Patrón Maior da Confraría, Xosé Estévez, foron de agradecemento e lembranza dos sucesos do mes de Maio de 2007. Unhas imaxes do documental “O salario do silencio”, proxectadas contra a carpa que cubría unha parte da praza, trouxeron á memoria de moitas das persoas alí reunidas, o sucedido naqueles primeiros días de Maio.

A música
A música e o baile recibiron a madrugada do “Día Mundial do Medio Ambiente”, que ficará na memoria de quen por alí pasou ou participou, como unha xornada de reivindicación e confraternización, no sentimento de que unha ameaza, e unha inxustiza como a que representa Reganosa na vida de miles de persoas desta comarca, non pode quedar sen resolver, non pode quedar impune.

A listaxe de grupos que participaron, con caché "0 €" é longa: dous integrantes do grupo de pop ferrolán "Quant" que interpretaron unha só canción, en homenaxe ás persoas que luitan contra o despropósito gasístico, "Ninguén parece escoitar" [http://quantmp3.blogspot.com/]; o folc das Cantareiras de Trasancos; A Quadrilha do Campo de Chao que tamén fan folc e son de Ferrol; desde Ourense "O Sonoro Maxín"; desde Coruña "Os tres trebóns"; o grupo de rock "Zënzar" desde Cerceda; desde Ferrol o rock de "La Sentina"; "Kastomä" rock desde Ordes e rematou o festival Pulpiño Viascón, con Roberto Grandal e Turu.


Desbordou-nos a solidariedade
Mais moitos foron os grupos que respostaron á chamada do Comité Cidadán, solidarios coa causa contra o despropósito gasístico e cos mariscadores procesados, non puideron participar no evento mais queremos nomea-los e amosar o noso agradecemento: ATAQUE ESCAMPE, DANDY FEVER, DUPLO SON, ESQUÍOS, FANNY&ALEXANDER, GALEGOZ, GUEZOS, KOGITO, LABAZADA, MACHINA, NON SOMOS NADA, NONRESIDENTZ "ex membros", O LEO i ARREMECAGHONÁ!, OS JOHN DEERES, OS TRASNOS DE MOSCOSO, RAIBA, RUXE-RUXE, SACHA NA HORTA.

A tod@s grazas!!!

1 de jun. de 2010

Agradecementos do Comité Cidadán de Emerxencia

Queremos agradecer desde o Comité Cidadá de Emerxencia, o apoio de todos os grupos que se volcaron nesta ocasión no acto de solidariedade cos 60 mariscadores procesados, e en xeral coa nosa loita contra a planta regasificadora de Reganosa, que ameaza a nosa vida, a vida da Ría e vulnera a legalidade.
O agradecemento non é só para os grupos que van participar no festival a realizar o próximo 4 de xuño na Praza Vella do Porto de Ferrol, senón que se fai extensivo a todos os grupos que contestaron á nosa chamada de solidariedade e que nesta ocasión non nos poden acompañar.

Estes grupos son:
A tod@s grazas!!!

    27 de mai. de 2010

    Tod@s paramos o Galicia Spirit

    A mediados do pasado mes de Abril, a titular do Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Ferrol, a Maxistrada-Xuíz Mónica Ramírez Encinas, emiteu un escrito de procesamento a 60 mariscadores da Ría de Ferrol por impedir o paso do buque gaseiro "Galicia Spirit" que se dirixía, cargado con GNL-LNG, á ilegal e perigosa planta de REGANOSA en Mugardos en Maio de 2007. A xuíz considera que "os procesados poden ser imputados de delitos de desordes públicas, desobediencia grave á autoridade e coaccións graves".
    Ante este procesamento o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, veu a asumir a responsabilidade xunto outras organizacións veciñais, sociais e ecoloxistas que acompañaron á xente do mar na acción de autodefensa, pola Ría, a nosa seguridade e a vida.
    O Comité Cidadán denuncia publicamente o procesamento dos mariscadores e mariñeiros, asumindo a parte de responsabilidade que lle corresponde e encetando unha campaña de auto-inculpacións. E con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o Comité Cidadán organiza un Festival Solidario coa Xente do Mar: Venres 4 de Xuño de 2010 no Porto de Ferrol, desde as 6 da Tarde.